Pobo galego | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Poboación | |||||||||||||||||||||
Poboación total: c 3,2 millóns[1][2] | |||||||||||||||||||||
Rexións principais: | |||||||||||||||||||||
Provincia da Coruña | 1 122 799 (2016)[3] | ||||||||||||||||||||
Provincia de Lugo | 336 527 (2016)[3] | ||||||||||||||||||||
Provincia de Ourense | 314 853 (2016)[3] | ||||||||||||||||||||
Provincia de Pontevedra | 944 346 (2016)[3] | ||||||||||||||||||||
Total en Galicia | 2 718 525 hab (2016)[3] | ||||||||||||||||||||
Diáspora galega | 511 830 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Resto de España | 355 063[5][6] | ||||||||||||||||||||
Arxentina | 172 948 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Brasil | 47 753 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Venezuela | 43 975 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Uruguai | 41 111 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Suíza | 40 983 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Cuba | 40 750 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Estados Unidos | 19 450 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Francia | 18 000 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Alemaña | 17 023 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Reino Unido | 13 902 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
México | 13 808 (2016)[4] | ||||||||||||||||||||
Aspectos culturais | |||||||||||||||||||||
Lingua | Galego | ||||||||||||||||||||
Relixión | Catolicismo[7] | ||||||||||||||||||||
Grupos relacionados | Asturianos Portugueses Leoneses |
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico[8][9][10] que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica,[11] pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea,[12] menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas[13] por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica.[14]
Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego. Dende o punto de vista filoxenético é de orixe común co portugués (co que mantén un 85% de intelixibilidade)[15] e semellante a outros romances ibéricos tales coma o asturiano ou o castelán.
Existiron numerosos persoeiros galegos con relevancia ó longo da historia. O relixioso galaico Prisciliano foi o principal impulsor do priscilianismo, unha corrente relixiosa cristiá, difundida no século IV en Hispania, e sobre todo na Gallaecia.[16] O cristián do século X Paio, foi canonizado pola Igrexa católica. O explorador Joan de Novoa foi un cabaleiro, mariño e explorador descubridor da illa de Ascensión e de Santa Helena, e Luís Vaz de Torres foi un navegante e o primeiro europeo en ver Australia, levando o seu nome o estreito de Torres. Famosos escritores galegos foron Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Álvaro Cunqueiro, Manuel Curros Enríquez e o Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela. O futbolista Luis Suárez Miramontes é considerado un dos mellores xogadores do século XX.[17] Ademais, numerosas personalidades políticas internacionais teñen orixe galega, como o presidente de Cuba, Fidel Castro,[18] o presidente da Arxentina, Raúl Alfonsín[19] e o presidente do Uruguai, Tabaré Vázquez,[20] alén de personalidades do mundo do espectáculo, como A Bela Otero, Julio Iglesias, Manu Chao ou Martin Sheen.
A poboación de Galicia é de 2 718 525 habitantes (2016), pero por mor da emigración de finais do século XIX e comezos do XX, é común atopar descendentes de galegos noutras partes de España, de Europa e de moitos países do continente americano. Historicamente, a emigración do pobo galego debeuse a factores políticos, económicos e sociais. A raíz da diáspora galega, estímase que no presente hai 10 millóns de persoas de ascendencia galega,[21] moitas delas reunidas nos Centros Galegos.[22] O maior grupo de persoas de ascendencia galega reside na Arxentina, con case 150.000 galegos, sendo coñecida polos galegos como a quinta provincia.